Quantcast
Channel: ferradura en tránsito
Viewing all 280 articles
Browse latest View live

crítica do Premio Vicente Risco 2015

$
0
0

OS CONTOS E A REFLEXIÓN
Título: A verdade nos espellos.
Autor: Pablo Rubén Eyré
Editorial: Sotelo Blanco
A proba de lume para certificar a competencia dun narrador, é cando este decide contar intrascendencias, naderías, e malaia todo, o lector é incapaz de abandonar as páxinas do libro. É como un dicir soberbio: conte o que conte ti vas seguir aí a ler. Tal é o que acontece nos dous derradeiros contos desde Premio Vicente Risco 2015, A verdade nos espellos, que hoxe nos ocupa. “A verdade nos espellos” é tamén título do quinto conto, e toda unha declaración de intereses literarios, que non só casualidade ou acaso. O sintagma reclama a literatura a ficción como fórmula para contar a verdade. A verdade, a realidade é outra cousa non sempre coincidente. Se non é vero é ben trovato, dicíase cando a literatura suplía o relato dunha realidade non antes contada. Porén non é esta a dimensión exacta en que aquí se aplica. Trátase de 27 contos, 27 espellos, a priori, pois pode haber, e de feito hainas, coincidencias, temas que recuncan. Porén é un número elevado de espellos, un número elevado de espellos para un número consideránel de verdades, unhas verdades que o autor non declara. O traballo do autor é crear as ficcións, logo vén a quenda do lector, que ten que procurar esas verdades que, arriscando moito, diremos que sempre teñen algo que ver coa vida, co concepto óntico de vida.
Como é lóxico agardar, a variedade preside o volume. Tanto variedade temática como de atmosferas e ton. Desde os dous que vimos de comentar a outros onde o humor pinta sorrisos nos beizos, necesitados desa airexa fresca que supón interromper outras atmosferas que se caracterizaban polo seu carácter inquietente. Porque, se hai aínda que engadir algo ao comentado no parágrafo anterior, é que o autor se mostra como un grande creador de atmosferas desacougantes. Pablo Rubén Eyré sabe moi instalarnos no desacougo, no temor, sendo este tipo de contos os que predominan, de xeito que van ser estas atmosferas inquedantes as que predominen e tinxan o volume dun ar sinistro que nos lembrou moito a E. A. Poe, Ánxel Fole ou Rafael Dieste. Desde logo nótase que foron lecturas que deixaron un pouso moi grande no autor, xa que, sen pretender ningunha homenaxe aos tres autores, case sempre os achamos de fondo. Vontades alleas gobernando as vidas dos protagonistas, atallar sen facer caso dos avisos, seres fantasmais, aparicións, pantasmas, casas enmeigadas, liñaxes…fan que os ambientes fríos predominen e, cando lemos un conto ben distinto, por exemplo o dun neurótico que non sabe se apagou ou non o cigarro, tomemos moito máis en serio o que se nos está contando. Porque, se algo está claro, é que o ser humno non goberna a súa vida senón que esta está á mercede de forzas que nin sabemos ben identificar nin menos controlar.
A este tipo de atmosfera imos accedendo pouco a pouco. Primeiramente lemos un conto sobre a ininciación sexual adolescente; para despois pasarmos a outro no que ao protagonista lle doe a cabeza e quere un ron; no terceiro atopamos a Mirita, muller á que non lle fan caso os homes; e o cuarto é un conto sobre as liortas que que se armaban antes nas festas. De aí pasamos ao que dá título ao volume e entón ímonos instalando pouco a pouco na atmosfera do inquedante, que non nos abandonará por moito que algún conto, como diciamso antes, nos pinte un sorriso nos beizos. É importante dicir que tamén eneste caso se trata de humor que debe facer pensar, non se trata da ocorrencia doada e oportuna senón de resaibos de retranca ben concebida. Como importante é tamén salientar a lingua, unha lingua terreña, dúctil e vizosa, natural e e amplo aspectro. Aínda que neste apartado temos que advertir da querenza por uns apelidos compostos cun “i” que os fai parecer cataláns sen selo, así como da ausencia dunha revisión final que evitase enfastíos como ler sono en lugar de soo, vés en lugar de ves ou no en lugar de non.
Porén, malia todo o anterior, estamos diante dun volume que presenta un narrador novo no panorama narrativo galego, moi competente e que debe dar aínda moitas alegrías a lectores esixentes.
Falabamos antes da influencia de Poe, Fole, e Dieste, se ben tamén é perceptíbel a de Kafka e Ferrín. Lectura feitas con vagar e que deixaron un pouso no autor que flúe de xeito natural, tan natural como a súa habelencia á hora de crear atmosferas e conducirnos a través delas. Sen dúbida, un dos mellores Vicente Risco dos últimos anos.

ASDO.: Xosé M. Eyré


filosofía e poesía

$
0
0

Desde sempre me interesou a relación que se establece entre filosofía e poesía, especialmente desde que a poesía dá en ofrecer contidos fiolosóficos, como adoita suceder nos nosos días (nas últimas décadas sinaladamente, aínda que antes tamén sexa posíbel atopar filosofía na poesía, nunca como nas décadas inmediatamente anteriores foi isto tan perceptíbel). Evidentemente, iso lévame a preguntarme que é a fiolosofía e que é a poesía para anadaren tan mesturados. E recoñezo neste artigo de Carlos Lema a orixe desta anotación.

a filosofía continúa cinguida a un pensamento no que a realidade soamente existe como relación do suxeito co mundo

Afondar nesa contaminación xenérica dá pé a parágrafos como o que vimos de salientar, onde é cuestión de poñer poesía e lugar de filosofía para decatarnos verdadeiramente de de a onde chega.

Para ser xustos é hora de mentarmos a microfilosofía, ese arte que desde Dieste nos asalta de cando en vez ( a Fragua íntima é un auténtico tesouro). Digo que nos asalta porque nos sorprende, contidos filosóficos tan fondos expresados de maneira tan sinxela e breve. E non só os aforismos, adaxios etc, tamén me refiro a eses libros de fiolosofía que exploran a microexpresión, que saltan dun tema noutro coa intensidade e brevidade do lóstrego.

O artigo de Carlos Lema obedece obviamente a un propósito: situar a filosofía nos tempos de hoxe, tarefa nada sinxela. E eu confeso unha cousa: mentres na poesía poidamos atopar fiolosofía tamén…síntome aliviado.

crítica de A GALERA DE XELMÍREZ

$
0
0

A TRANSFORMACIÓN DO CAMIÑO
Título: A galera de Xelmírez
Autor: Xabier Paz
Editorial: Xerais
O autor de Follas de bacallau, Renacer e As vidas de Nito regresa aos trinques das librarías con esta A galera de Xelmírez que hoxe nos ocupa. Nela, Xelmírez encarga a construción dunha galera a Fuxón Bonincontro, piloto e mestre carpinteiro de ribeira; Stefano Bagnoli, axudante; e Francesco, aprendiz e neto de Enrico, o mestre de Fuxón. O obxectivo é dispoñer dunha galera que faga posíbel a defensa fronte ás posíbeis incursións ameazantes dos ismaelitas, toda vez que as naos existentes son axeitadas para o comercio e a pesca mais non para o combate no mar. Para iso deberá desprazarse desde Pisa a Santiago de Compostela, desde a ribeira do Arno á ribeira do Sar, a Iria. O cal supón unha viaxe que os transformará, como é típico e tópico. Francesco, personaxe secundaria, casará con Alodia e ficará a vivir na Galiza, é o que menos sufritá esa transformación. Porén Stefano e Fuxón, de maneira diferente cada un mais interdependentes, sufrirán mutacións que afectarán moito o seu vivir, a súa concepción da vida. Sobre todo Fuxón, pois é a raíz da súa trasformación que Stefano actúa a súa.
Malia o título facer referencia a un traballo colectivo, a novela é unha novela de personaxes, de individualidades. De dúas personaxes fudamentalmente: Stefano e Fuxón. A mesma estrutura da novela o confirma, pois consta de dúas partes, unha primeira contada por Stefano, que dá conta de como fan o camiño e como Stefano se vai facendo coa personalidade e funcións de Fuxón para poderen rematar o contrato con Xelmírez, e unha segunda contada por Fuxón onde asistimos á fonda trasformcaión que se operará nel despois de que unha noite unha criada lle faga vivir experiencias sexuais que el nunca antes experimentara. Desde entón, Fuxón vólvese unha persoa diferente, calado, reservado, sente vergonza mais non arrepentimento cando se decata de que os pecados contra natura son fonte de coñecemento e axudan a rachar os veos da ignorancia. Ese novo Fuxón aínda asisitirá como partícipe a un aquelarre, experiencia despois da cal xa non queda nada do vello Fuxón senón un ser comido polas apetencias de novas experiencias sexuais e sensoriais que lle redimensionen o mundo. Por outra banda,o Stefano que regresa a Pisa, logo da suplantación, tampouco ten moi claro quen é, só que que xa non é aquel que foi.
Se sempre se di que o camiño de Santiago transforma a quen o fai, pois eis unha novela onde a transformación resultante é ben diferente do que comunmente se agarda, por non dicir absolutamente oposta no caso de Fuxón e desconcertante no de Stefano. Neste caso o camiño opera un coñecemento que ten tanto de exploración de novas sensacións coma de autodestrución.
O mesmo autor (153) sinala a influencia de A romaría de Xelmírez e Xelmírez, xenio do románico ambas e dúas de Ramón Otero Pedrayo; La guerra del tiempo, de Alejo Carpentier; o Liber Sancti Jacobi; El camino de Santiago:encrucijada de saberes, editado por Itzíar López Guil e Luís Manuel Calvo Salgado; Santiago de Compostela en la Edad Media, de Ramón Yzquierdo Perrín; A vida dos peregrinos polo camiño de Santiago, de P. Barret e J.N. Gurgand; así como a Historia Compostelana.
Novela de lectura viva e áxil, que reconstrúe moi ben a vida dos romeiros en particular e a das xentes do medioevo en particular. O cal debe ser valorado na súa xusta medida, pois sendo discurso que tende á síntese, as descricións son moi atinadas malia o pouco tempo e espazo dispoñíbeis. As feiras, o trasfego das neonatas e puxantes vilas medievais, sobre todo as mariñeiras…
Contada en dous tempos ( Stefano relata a viaxe e Fuxón conta as horas inmediatas á súa morte), ben pode sr considerada unha novela do camiño de Santiago. Non é o seu obxectivo selo. Mais a viaxe dos italianos coincide en boa parte e hai que ter en conta que a nosa literatura conta con moi poucos títulos de ficción sobre o camiño de Santiago. De excepturamos As frechas de ouro ( Jonh Rtutherford) e A cripta do Apóstolo ( Pere Tobaruela) o baleiro é inmenso malia a importancia que para Galiza ten o camiño de Santiago, para Galiza e para Europa. Por certo que esa europeización de Galiza tamén se percibe aquí coa contratación dos tres italianos: a cultura mediterránea e a atlántica a se comunicaren entre si.

ASDO.: Xosé M.

recuperando literatura: FUTURO IMPERFECTO (Xulia Alonso, Galaxia)

$
0
0

VIDA NA LITERATURA, CELEBRACIÓN
Título: Futuro imperfecto
Autora: Xulia Alonso Díaz
Editorial:Galaxia
Na literatura, o apelo para que o irreal axude a entender o real, é o máis común, e adoito do máis celebrado. Xa o contrario non é recibido como novidade cando, xustamente polo antes visto, debera ser saudado polo menos con algo máis de efusión. Pesa moito a cantidade de literatura realista que pouco ou nada achegou, a non ser outra novidade máis da que puntualmente ir dando conta. Por iso, cando xorde un título que non responde a ese patrón onde o autor non pasa de copiador, é como se a un náufrago lle abriran a a billa no medio do deserto. Auga fresca, e vivificadora que estiña tanta secura.
O título que hoxe seleccionamos para traer a estas liñas é un deles. Á pregunta, inmediata, onde reside logo a arte de narrar?, novelas como estas responden de maneira inequívoca: na capacidade de emocionar de que o autor sexa quen de incorporar á historia contada. E, por certo que a resposta non resulta de ningún modo decepcionante desde o punto de vista da literariedade, á vez que explica ese bon número de historias contadas de xeito sinxelo mais que pasan á historia da literatrura porque, xeración tras xeración, século tras xéculo, seguen facendo vibrar os nosos corazóns e as nosas mentes. Velaí a razón de que discursos deste estilo non perdan vixencia mentres outros, moito máis alambicados e formalmente complexos, sobreviven máis nas historias da literatura, cando é o caso, que na mente do lector.
Futuro imperfecto, exemplo perfecto.
Porque contar unha historia da que previamente se sabe o remate, sen que o lector sinta tentación de abandonar a lectura, é unha dos retos máis grandes que un autor ou autora pode acometer. E Xulia Alonso lógrao, meritoriamente. Todos sabemos como rematan as historias que teñen a SIDA como núcleo central, infortunadamente nunca nos equivocamos. Se ben non se pode ignorar que ese mesmo feito xa constitúe de por si unha inxección de esperanza, porque os humanos sempre agardamos que as cousas melloren e a narración e a narrativa vén consistindo no relato dun estado de cousas que reclama normalización, esa esperanza non sobrevive sen a dose vitamínica que desde a autoría se vai sementando páxina tras páxina, e para iso hai que ser capaz, hai que saber facelo e facelo de xeito gradual, e variado para meirande abondamento que non signifique reiterción calcada pouco efectiva.
A estratexia narrativa de Futuro imperfecto é moi simple. Ir contando a propia vida, desde a perspectiva testemuñal do primeiro ser afectado polo desenvolvemento dos acontecementos. A historia de Nico, a historia de amor con Nico, a historia de cómo Nico é vítima da SIDA, que tamén é historia dunha moza de natureza rebelde, a historia de cómo resisten para vivir, unha historia de fe cando a ameaza é inevitábel que revaloriza a importancia das pequenas cousas que a voráxine do día a día fai pasar desapercibidas e aquí recuperan trascendencia, como o valor da mirada, a sensación táctil como vehículo de transmisión emocional cando a palabra deixou de ser operativa, ou a natureza como reflexo de vida, ou a infancia como motor da adultez.
Crónica e lección de vida. Cando as probas a superar non requiren o músculo de Hércules senón a fe, intelixencia e amor de quen quere apañar os farrapos da vida que escapa. Fe, intelixencia e amor, calidades que posúe o ser humano e tan pouco demostra.
Mesturada coa historia de amor, contra o tempo e a fatalidade, con Nico, os flash back contextualizadores da propia historia familiar retórnanos aos tempos da Guerra Civil e amosan exemplos de rectutidude, resistencia e amor que minimizan a incomprensión, a distancia xeracional, a condena que ser muller supón, a condena e o valor.
Como pode un lector conservar esperanza de que a situación plantexada mellore, a poucas páxinas dun remate ineludíbel? A resposta como premio pola lectura da novela de Xulia Alonso. Fagan literatura, poñan, lectores, poñan en lugar do libro a vida porque esta novela convídaos a reencontrárense con ela, coa vida de verdade, a agarrarse a ela con fe inquebrantábel. Non é pequeño o premio cando a literatura é grande
E de paso disfruten unhas descricións salientábeis, precisas, sentidas, necesarias, integradas non como complemento senón como partes dunha historia integradora que sentiría a súa perda. Dicimos ,das descricións, o que ben se pode ampliar novela en si. Non hai palabra que non estea no seu xusto lugar, que sexa prescindíbel, que non se integre cando se sente necesaria. E coas palabras van os sentimentos, as sensacións, erixíndose no auténtico motor dunha historia que neles recupera o sabor da vida.
O frío interior, a desolación da dependencia, o valor da amizade, a resitencia fronte á adversidade, as ganas de vivir, de expremer o zume de cada instante, o valor dun sorriso, dunha ollada…Arredor deles componse a historia do amor entre Nico e Xulia, que tampouco deixa de ser parte da historia dunha xeración, esa de cando a SIDA aparece coa gadaña afiada.
Unha novela para celebración de quen a le. A literatura é das poucas cousas que sempre convidan á celebración, mesmo desde unha historia tan tráxica como esta.
ASD: Xosé M. Eyré

crítica de AS ÚLTIMAS GALERÍAS

$
0
0

DISO NON SE FALA
Título: As últimas galerías
Autor: Xosé María Álvarez Cáccamo
Editorial: Galaxia
Logo de dúas exitosas incursións no relato ( Microtopofanías, imprescindíbel na historia da Narrativa Hiperbreve galega, e A luz dos desnortados) chéganos a primeira novela, esta As últimas galerías dun dos poetas fundamentais da nosa literatura, Xosé María Álvarez Cáccamo. Escolleu, para a súa presentación na narrativa longa, unha novela memorialista que revisa a historia familiar de Amalia, velliña xorda que padece demencia senil, internada nun xeriátrico e á que visita un dos seus catro fillos. Nestas visitas, a través de fotografías antigas irá comezando a reconstrución do que logo será a historia de Amalia e Ramón, os seus pais. Todo comeza entre os cascallos de vida que son a realidade inestábel dos seus primeiros anos, pois xa desmemoria ás veces pode devir en alucinacións, desvaríos e non lembranzas nítidas, comeza a indagación na historia familiar, unha indagación da que non ha saír indenme, pois garda segredos inconfesábeis que o afectarán directamente. Ramón a Amalia son un matrimonio feliz malia as adversidades que, mediada a década dos corenta, presentaba a vida, desde a miseria moral imposta polo fascismo á miseria material lóxica despois de pasar a unha guerra. Eles e os seus catro fillos logran ir tirando adiante en boa harmonía, tal como constatan as fotografías nas que Amalia aínda recoñece seres do pasado. Logo virán evocadores paseos pola Seara e as conversas con Marisa, íntima amiga da nai, de Amelia irán incrementando o coñecemento que o fillo máis vello ten da historia familiar dos seus pais. E aínda unha visita á casa. Este proceso de adquisición de novos coñecementos é algo ao que Manuel vai accedendo á par que o lector, e dará un importante paso adiante cando atope un feixe de cartas entre os dous namorados cando Ramón estaba desterrado en Salamanca. Desterrado, pois Ramón é un docente depurado aínda que non é ese o seu meirande delito senón amar a Amalia, antiga moza dun fascista ao que non lle senta nada ben o asunto.
A novela é unha reivindicación da vellez e da memoria. Da vellez, pois Amalia é unha vella, xorda e con demencia senil mais moi humana, sempre, no seus desvaríos, preocupada porque os cativos quedaron sós e poida que non teñan que comer. E da memoria, da necesidade de reconstruír a memoria de xeito que non fiquen lagoas, as lagoas “dete asunto non se volve falar máis”, que tamén é o que acontece nesta novela de Xosé María Álvarez Cáccamo, pois Ramón e Amalia deciden que non se volva falar do fascista Tucho, chegando a nomealo só pola inicial, T. A lembranza non será grata, certamente, mais agochala só pode levar a que, moitos anos máis tarde, teña un impacto moi elevado porque se trata de algo simplemente insospeitábel, como aquí sucede.
Pero esta tamén é unha tenra, emocionada e emocionante historia de amor. Durante a lectura, o lector ben se pode figurar os entromentementos de Tucho na relación entre Ramón e Amalia, unha relación que non logra destruír senón que a distancia aínda a afortala máis. Cando o fillo máis vello, e narador, lea, despois de vencer o lóxico pudor de ter que rachar un lacre, accedemos canda el ao cruzamamento de correspondencia entre os dous namorados mentres Ramón está en Salamanca. A medida que vemos medrar o seu amor hai outra cousa que medra tamén: a maldade de Tucho, que contrasta coa inocencia de Amalia cando estaba con el, patente por exemplo en como tartan ambos e dous a figura de Federico García Lorca. Luís Amado Carballo, Juana de Ibarburu ou Don Dinís son outros poetas que apareceran na correspondencia entre os dous amantes, que botan man dos seus versos para incrementar a expresividade dos seus sentimentos, en contraste co horror, co noxo, que representan Tucho e a súa familia fascista. É aquí moi delicado o autor, nunca carga as tintas na maldade dos fascistas, non quere crear mostruos, non o precisa porque todos sabemos moi ben a catadura moral destes matóns arribistas.
Novelas con tema similar a este xa as hai, o segredo inconfesábel que agocha unha familia e que ten as súas orixes no tempo do fascismo, é xa case un tópico. Porén, para Xosé María Álvarez Cáccamo é un reto máis. O excelente poeta que é revélase aquí como un narrador moi experimentado, coas súas concesións ao lirismo, nunca excesivas nin fóra de lugar, sabe atopar o ángulo desde o cal contar a historia para que esta teña un desenvolvemento natural e á vez variado, de xeito que o lector ten conciencia de ser conducido por un narrador moi competente.
ASDO.: Xosé M. Eyré

as lecturas falsas

$
0
0

Na Historia da Lectura, o século XX é fundamental. Só despois de que no XX a lectura fora intergrada case como un coñecemento innato, se pode entender a falacia que a seguir comentaremos, non sen antes nos referir á falsidade dese coñecemento innato, pois en pleno século XX foron moitas as campañas de alfabetización promovidas e só desde as que se pode acceder a  ese coñecemento innato. Hoxe, son tantas mensaxes as que lemos e en tan pouco tempo que iso pode xustificar “o coñecemento innato”. Inclusive cando conducimos temos, a un lado e  a outro da estrada, informacións publicitarias a ler en segundos.

Porén, non nos desviemos. A falacia. A secuencia é sempre a mesma. Un senador, un cargo importante da sociedade romana recibe unha información escrita. En lugar de alonxarse para decodificar o escrito, dunha ollada extrae o contido importante a fin de tomar unha decisión en virtude do comunicado.

Mais iso é mentira. Pura mentira. Cando alguén recibía un escrito, o primeiro que tiña que facer é puntualo e distribuílo segundo secuencias lóxicas. Só despois é cando o texto era lido. Teñamos en conta que aínda en pleno séculoX se escribía as palabras en contínuo, todas xuntas.

Por simple lóxica non lle podemos atribuír a  alguén do Imperio Romano á habilidade lectora de hoxe en día. Habilidade que supón o dominio dunha técnica que levou moitos séculos perfeccionar e aínda hoxe ne día resulta cuestionábel que toda  xente a domine por igual. Pensemos nas mensaxes escritas que nos transmite o televisor na súa banda inferior e que tratan asuntos que non se corresponden co que o presentadorou presentaora está a dicir. Pensemos, pensemos en canta xente non le esas mensaxes porque non domina a técnica da lectura requirida, mecánica e intensiva.

crítica de O VIAXEIRO RADICAL

$
0
0

APROXIMACIÓN NOVELADA Á VIDA E OBRA DE MAN
Título: O viaxeiro radical
Autor: Xerardo Quintiá
Editorial: Galaxia
En plenas festas do Espírito Santo chegaba a Camelle Manfred Gnädinguer, que co tempo sería coñecido como Man de Camelle, localidade na que viviu e creou un museo que os efectos do Prestige cubriron de chapapote. Posteriormente, un temporal, en 2010, levaría o que quedaba do museo de Man, aquel mozo calmo,observador, educado e de bo aspecto que deviría no Man que todos coñecemos, vestido cun taparrabos, correndo pola vila e arredores, bañándose no mar e dedicado en exclusiva á creación en mantemento dun museo, o seu museo na Punta do Boi, que integrara arte e natureza, un museo único no mundo porque nace tamén dunha concepción única da arte.
O viaxeiro radical de Xerardo Quintiá é unha aproximación novelada á vida deste singular home cuxo legado permanecerá como símbolo da deixadez política máis que como oportunidade para reflexionar sobre as relación entre arte e natureza. Estrutúrase en tres viaxes, de feito que non só se concibe a vida como viaxe, senón que nesta se integran outras de menor percorrido. A primeira viaxe remata con Man en Camelle, cóntanse os seus anos de infancia en Böhringuen, onde o seu carácter fixo que o alcumarán “O Xabaril”, fillo de Geert e Sonneschein, que morrerá nun parto casando o pai en segundas nupcias cunha muller que Manfred despreza; cóntanse tamén os seus inicios como pasteleiro e como ese oficio se lle daba ben, rexeitando casar coa filla (única) do seu patrón, porque el sentía que a súa vida tiña que ser ben diferente á que lle ofrecía a estabilidade de pasteleiro. Botado aos camiños, a súa primeira paraxe é París, evidentemente, onde colle pensión na Rue Saint-Rustique, dedicándose a pintar e fotografar. Mais tampouco París se lle axeita, sénteo como un traxe pomposo dentro do cal non se atopa e el quere ser libre. No camiño coñece un galego e remata en Camelle, onde está casada Lorelei, alemá coma el, que lle será de grande axuda ao descoñecer case por completo o idioma e lle procurará casa onde vivir. Tamén coñece unha mestra, da cal fica rendidamente namorado, mais que casará con outro. Esta é a primeira viaxe, a partir de aí coñceremos o verdadeiro Man.
A segunda viaxe, a máis extensa e significativa ten lugar en Camelle, desde que corre atrás dun raposo, deica que acada notoriedade e prensa, escrita e audiovisual se ocupa del e da súa obra, sentindo que fixo realmente algo importante, que a súa vida ten sentido. Polo medio quedan as tensas relacións coa vila, chegando inclusive a recibir algunha malleira e a ser acusado de violar unha nena, a construción do dique, que a ameaza o seu museo mais que, unha vez que o integra dentro del, fará que aumenten as visitas. Porén, o máis interesante, alén das miudallas da vida, é a reflexión que se fei sobre a arte e a vida. A Arte Nova. “Unha arte que reflexionase sobre si mesma e lanzase preguntas, dúbidas, sensacións, pero xamais respostas. Que non presentase produtos rematados e perfectos, senón que actuase directamente sobre a sensibilidade do espectador, liberándoo de clixés e anacronismos: libre, fóra das galerías, dos museos e dos mercados, fóra do propio lenzo: en contacto directo coa vida, o espírito e cos sentimentos” (120)
E a terceira viaxe, a terceira parte é a relativa ao desastre do Prestige así como a morte do aleman de Camelle
Eis unha proposta para reflexionar sobre a vida como viaxe, e tamén a arte como viaxe. Por iso o título de radical ou definitivo. Unha reflexión sobre os espíritos libres, aqueles que non se deixan dominar polas comodidades que ofrece a vida e destinan os seus días a unha intensa reflexión sobre a arte, que é unha maneira de darse aos demais, de dar o mellor de si aos demais. Na rede poden atoparse páxinas que gardan o legado de Man. Nós recomendámoslles mandecamelle.com como unha maneira de auxiliar a lectura desta novela e as reflexións que propón así como aquelas que deben xurdir no propio lector. Ten sentido o anacoretismo hoxe en día?, é a arte (concebida ao estilo de Man) suficiente para socializar?, ata que punto a soidade depura o mellor que hai en nós?…
ASDO.: Xosé M: Eyré

crítica de CONTOS DO MAR DE IRLANDA

$
0
0

MAR DE IRLANDA, MÍTICO MAR DE IRLANDA
Título: Contos do mar de Irlanda
Autor: Xurxo Souto
Editorial: Xerais
A meirande parte de libros que dá á luz unha literatura podémolos cualificar como “libros de mantemento”, non achegan nada do outro mundo mais condenalos ao esquezo tamén sería un tanto inxusto. Tan só unha pequena parte deses libros merecen o cualificativo de “imprescindíbeis”; se non os houbera habería que inventalos. Hoxe disfrutamos da inmensa fortuna de termos como obxectivo dar conta dun destes libros imprescindíbeis: os Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto.
O Gran Sol ou Mar de Irlanda ( aínda que non son exactamente a mesma cousa) forman parte do universo de cercanías afectivas dos galegos, de tantas e tantas veces como as noticias nos familiarizaron con ese anaco oceánico onde os galegos bouraron a eito. Porén tamén é moito o descoñecemento que del se ten. Ou que del se tivo, porque Xurxo Souto realiza unha ben completa descrición; de feito, o primeiro que atopa o lector é un mapa que acolle as nomeadas das diferentes partes que compoñen o Mar de Irlanda. E velaí A Cona da Vella, O Mar das Galiñas, A Volta do 52, Mar do Coral, A Ferradura, o Mar do Carburo, O Zapato, O Calcetín, Os Tres Codillos, O Sindicato, A Selva, A Camocha, O Volcán de Porcupine, O Rocal… a dar testemuña talasonómica de que fomos os galegos, de que foron mariñeiros galegos os que primeiro traballaron e, por suposto, deixaron pegada nos nomes das diferentes partes. Adoita dicir Xurxo Souto que somos os galegos un pobo de artistas, e parte desa arte ben se pode divisar nas doses de imaxinación empregadas na nominación de algo que para os terrícolas (terrrícolos) é sempre igual: o mar. Porén os mariñeiros galegos atoparon algunha razón para achagarlles tales nomes, con semellante forza descritiva e orixinalidade. Que non queda aí porque evidentemente o mar ten moitos máis lugares, como o Clítoris, por exemplo, ou, xa ben preto da Coruña, o Mar de María Luísa.
Evidentemente, os Contos do mar de Irlanda son unha homenaxe ao mariñeiros, esa raza aparte que se xoga a vida en cada lance, que desafía as forzas da natureza na procura de fartura explorando o inexplorado, homes de ferro en barcos de madeira.

Aínda que o mar non se leve demasiado coa poesía, como recoñece o propio autor ( pois o mar é traballo) son moitas as veces que procura contradicir tal afirmación, botando man da tradición popular ou culta ao salferir o texto con versos, e non cabe dúbida que na prosa destes contos subxace unha épica innegábel, unha épica humilde e férrea. O que pasa no mar non se di en terra, mais todo se acaba sabendo. E, alén da homenaxe aos mariñeiros, estes contos tamén son un canto á irmandade galego-irlandesa. Bantry ou Casteltón son lugares onde os mariñeiros galegos recalaban con fecuencia, establecéndose unha relación que veu moi ben tanto para as terras irlandesas como para a faena dos galegos
Tesouro de vivencias salitrosas, tantas veces ao límite, recollidas oralmente ou de xeito culto, en libros. Por iso o mesmo autor define o libro como “esponxa” antes de ofrecer unha relación das fontes orais e escritas. De entre as primeiras, moitísimas, non queremos salientar nigunha por non facer menos as demais, aínda que é certo que algunhas se repiten con máis insistencia. De entre as escritas hai unha de moita importancia ( The Second Spanish Armada de Michael J. Carrol, que conta con tradución ao castelán) polas moitas veces que é citado e por ofrecernos unha visión nova e diferente, a dos ollos dos outros, a dos receptores, como vían os mariñeiros galegos aqueles que os recibían. Sen esquecer outro que, sen aparecer tanto, si dá unha visión nova dun tempo histórico trascendental, o golpe de estado franquista, como se viviu entre os mariñeiros, referímonos a Loita de clases e represión franquista no mar, de Dionisio Pereira Que vén complementar Os ausentes de Casteltón, de Jacobo Barros e, sobre todo, Follas do bacallau ( Xabier Paz) que nos ofrece a vida dos mariñeiros en Terranova.
Que como tal tesouro nos fai máis ricos -por iso é un libro imprescindíbel- e coñecedores dunha parte da nosa historia tan épica como descoñecida. Contado coa peculiar prosa de Xurxo Souto, directa e áxil, culta e popular sempre amena e sabia como para facer trascender o anecdótico case á categoría de mítico. Mítico, porque así foi o labor dos mariñeiros galegos no mar de Irlanda.
ASD.: Xosé M. Eyré


recuperando literatura: CONVERSA ULTRAMARINA

$
0
0

SOBRE VIDA E POESÍA
Título:Conversa Ultramarina
Autor:Lois Pereiro
Editorial: Positivas
Entre marzo e xuño de 1995, Lois Pereiro mecanografou esta longa carta que dirixiu a Piedad R. Cabo, muller de granda importancia na vida do Lois, que estaba a realizar un curso de inglés en Estados Unidos. En dúas partes, unha de 26 e outra de 27 folios. Ambas e dúas non son o único que figura nesta edición, pois elas, que representan o núcleo central, van acompañadas doutras dúas, unha que aquí figura a modo de limiar e outra entre medias das dúas partes.
Como sempre, con estas edicións póstumas, hai que ter un especial coidado .Hugo Martínez, del é a edición, optou por realizar as alteracións mínimas, as xustas para que a edición resultara homoxénea. Mais nin así esaven as dúbidas. Estaría conforme o Lois cunha edición que dá del a imaxe de escritor bilingüe? Estaría o Lois de acordo con que fora esta forma a final en que aparecen os fragmentos da Conversa ultramarina ( e non me refiro só aos escritos en castelán)? Por non falar das outras dúas partes, sobre as que as dúbidas se me incrementan moito, moito…
Á marxe diso, hai razóns literarias (para alén do valor como documento humano) que demanden a lectura da Conversa ultramarina? Pois si, e non poucas. Mais imos comezar pola faciana testamentaria dun condenado a morte, dun morto vivinte ou dun vivo morto, tanto ten, e menos aínda a causa que o levou a esa maldita situación. Se a semana pasada comentabamos (Futuro imperfecto) a cerca dunha lección de vida feita literatura narrativa, hoxe toca expoñer o propio da lección de vida que nos deixa un poeta grande, a lección de vida que foi expremendo e condensando en fragmentos de sabiduría, en fragmentos de sentimento descarnado e polo tanto ningún outro tan carnal, en fragmentos dun lirismo e dunha trascendencia estarrecedores, nos que ao lector pouco lle vai importar se se escolleu a fórmula poética ou ben foi a narrativa, nada, absolutamente nada lle vai importar pois resulta imposíbel ficar impasíbel diante de cada unha desas leccións de vida que choran e brillan diante dos ollos lectores. De día ou de noite, no Manhatann monfortino ou no Parrús coruñés, na casa ou no hospital, escoitando a John Lee, a Ravel ou aos Herdeiros da Crus, contemplando un grupo de mozas, lembrando, recibindo amigos (ese tesouro) ou na soidade soa…por dentro sempre había un poeta, e os poetas son seres que sempre queren ver máis, máis no fondo, máis na cima, máis dentro, máis fóra, e o poeta Lois Pereiro obsequiou estas cápsulas de sabiduría vital á súa ex compañeira sentimental e de resultas a nós…
Quen quixer fixarse nas referencias literarias de Lois Pereiro, atopará a Bukovsky, Francisco de Assís Pacheco, T. Bernhard, L.M. Panero, Henry Michaux, Carlos Bousoño, Chejov, J. Joyce, B. Brecht, R. Carver, J.P. Sartre, Simone de Veauvoir, P. Valéry, Botho Strauss, Handke…E entre as musicais a Eric Clapton, Lou Reed, John Lee, N. Young, Ravel, Debussy, Pata Negra, José Afonso, Bach ou os Herdeiros da Crus… Habendo tamén ao cinema ( Ken Loach, Woody Allen)…E máis que se queiran, porén o único importante son as relacións coa vida, con esa(s) man(s) de amigos, sentilos, comprobar como a súa estabilidade e seguranza afectiva permiten a un camiñar ergueito polos camiños, experimentarse vivo…
Outra faciana de moito interese é a da continiudade contiguidade con Poesía íltima de amor e emfermidade, pois este poemario e a Conversa ultramarina coincidiron temporalemente durante a súa redacción, de xeito que é posíbel e frecuente atopar motivos temáticos que entre un título e o outro amosan moi pouca distancia, só distancia formal. Pensar, entón, que a Conversa puido ser material poético inicial á hora de compor a Poesía última é posíbel, igual que considerar que os fragmentos da Conversa poden constituír reelaboracións de poemas xa feitos. En todo caso, esta contiguidade-continuidade é outro pólo atraente para a lectura da Conversa ultramarina, ese diario-crónica dun poeta perto da morte, dun poeta que exerce de poeta porque non sabe nin quere vivir doutro xeito. E, seguir o día a día, ou o hora a hora, dun poeta que non quere deixar pasar ningunha ocasión que lle permita apreixar a vida e a poesía, sentir o seu abrazo potente, é un obsequio impagábel, de xeito que quen merque este título pode ter a seguranza de que o lerá con devoción e admiración, que é un deses libros dos que nunca remata a lectura, que fican sempre abertos agardando un novo regreso a unhas súas páxinas que nos negamoa a abandonar igual que non queremos abandonar a vida.
A propósito das distancias xenericas e do comentado no parágrafo anterior, a conclusión de que estas son puramente casuais imponse. Se na Conversa aparecen en prosa e poeticamente na Poesía última débese a que os xéneros preconfiguraron decisivamente a forma, mais a materia literaria chora e brilla nos dous, con máis vagar narrativo na Conversa e con máis potencialidade poética na poesía. Sendo, pois, deses títulos que achegan poesía e narrativa intensamente, desde a narratividade salientado o feito poético.
Unha Conversa ultramarina, así, especialmente axeitada para o e estudo das fronteiras xenéricas. Poesía, narratina, Literatura Mínima ou Hiperbrebe…pois non son poucos os fragmentos considerábeis como tales, velaí, pois, outro título para os amantes da hiperbrevidade.

ASDO.: Xosé M. Eyré

policía sexual?

$
0
0

Estou lendo un libriño ( formato de peto, 102 páxinas) publicado por Axóuxere. Pero un libro non ten que cumprir o requisito dun número determinado de páxinas para falar alto e claro de temas que interesan. Que interesan máis do que un ao principio de imaxinaba.

O seu título, Sexo e monstruosidade. Unha xenealoxía da policía sexual xa de por si é ben atraente. Mais é que en pleno século XXI é moi pouco o que sabemos da sexualidade desde o punto de vista histórico. Vivimos o sexo como actualidade, como algo puramente sincrónico…e no que non queremos profundizar para que non se noten as carencias informativas.

Pode chamara a atención o termo “monstruosidade”. Non se trata de sexos esaxerados, senón que a concepción de monstruosidade ten que ver coa confusión, co engano, con facer pasar unha cousa por outra, co travestismo. Neste caso co travestismo de mulleres que desafían a concepción do seu sexo como escravitude.

En boa parte ha de coindicir coa historia do feminismo. Ou dos feminismos, porque hai dous. O liberal, que concibe  a muller como nai de familia. E o de inspeiración comunista. Curiosamente ambos coincidiron en non saber entender os movmentos á la garçonne ou as flappers. As liberais consideraron eses movementos como algo pornográfico, e as comunistas como unha desviación burguesa.

Comentar finalmente que unha muller podía pedir permiso á autoridade para vestir como un home, sempre e cando os trazos físicos foran varonís ( sobre todo a presenza de barba).

caos e sexo

$
0
0

A vivencia do sexo é algo tan íntimo de cada un/unha que desexa sempre para ela o máximo de liberdade e sinceridade. O máximo de liberdade porque sen liberdade dificilmente se pode vivir o sexo, ter relacións. E o máximo de sinceridade porque sobre asunto tan trascendente na vida ( hai outro que o supere) tod+s agochamos dúbidas, inseguranzas. Quen fachedee de non as ter é a primeira vítima delas.

Mais sendo algo tan desexabelmente libre, íntimo e sincero, ás veces non queda máis remedio que, para ser sincero e libre, teña o seu de farsa ou de engano. Non todos temos a saxualidade igual de ben definida, por exemplo. E non hai cárcere máis grande que vivir nun corpo que non te identifica sexualmente.  O libro que estou lendo ( Sexo e monstruosidade. Unha xenealoxía da policía sexual) fai moito fincapé no medo, no auténtico pánico, ao engano dos disfraces. Ao caos, en definitiva.

Hoxe, pensar que cada sexo ten que vestir dunha determinada maneira, considérase antediluviano. Faltaría máis ca que un vestira como se lle antolle. Que as mulleres se andoxeneizaron coa conquista do pantalón? Que o pense quen queira, tamén os homes se feminizaron e feminizan cada día máis. Mais houbo tempos onde a vestimenta se regulaba por ordenanzas, legalmente enon só através da interdiccción social. Pénsese que mesmo houbo revoltas que fixeron bandeira do vestir, velaí o movemento sans-culotte ou a revolución dos chambergos – no motín de Esquilache, as disposicións sobre a vestimenta tamén tiveron o seu protagonismo.

Hoxe é hoxe. Século XXI. Non hai regulamento que diga como dbemos vestir. Mais socialmente seguen vixentes prexuízos condicionantes. É que van provocando. É que visten coma homes. Sen termo medio. Sempre é a muller a vítima preferente.

Hoxe é hoxe e o sexo, se conleva caos ten un nome definitorio é este é libertinaxe ou algo parecido. O  caos é a ausencia total de orde. Porén o caos é tamén  a materia prima da orde, se non existira caos non sería precisa a orde. E no medio nos movemos. Coidadosamente.

plan de fomento da lectura

$
0
0

No remol do publicado por Brétemas, e como é tema de para min moito interese, quero reflexionar un pouco e facer un par de aclaracións. Observarám que Brétemas titula “Plan do fomento do libro” e é de precisar, en primeiro lugar, que libro e lectura non son o mesmo. Enténdese evidentemente que detrás do fomento fo libro está o fomento da lectura, por iso, cando remata o seu post non lle queda outra que falar da lectura, “…permitirá incorporar a lectura como un dos temas preferentes da axenda pública”

Non só comparto o expresado no artgo senón que non meu caso o pesimismo é meirande. As actuacións sobre piratería, dereitos de autor, ive, librarías e bibliotecas, son necearias e imprescindíbeis nunha sociedade normalizada. Son imprescindíbeis para o sector do libro, mais de aí só redundará na lectura unha pequena parte se as librarías e bibliotecas funcionan ben. Porén temos a experiencia de que o partido no goberno ten un vivo interese en pechar bibliotecas mentres todas as demais medidas que o libro -e falo de libro, non de lectrua- precisa non pasan de desideratum agochado nalgún recoveco da vida política de actualidade menos apremante. E xa non é que o sexa para o partido no goberno senón que o resto de partidos políticos por aí lles vai.

Eu boto de menos un plan de lectura minimamente coordenado e eficiente e ambicioso. Un plan de lectura supón que se vai traballar sobre o libro, evidentemente, como soporte lector preferente, mais tamén sobre outros soportes que, incidindo sobre a lectura, terán repercusión tamén sobre o libro. E como no vexo, non percibo, no ambiente político nada que se poida asemllar a unha preocupación minimamente parecida, son por iso moi pesimista.

É posíbel vivir sen ler, de feito é o que se vén facendo maioritariamente, inclusive é moi cómodo. O certo é que a nosa sociedade asimila a lectura ao prescindíbel, inclusive ao “luxo social”, algo minoritario e un tanto molesto porque os lectores considéranse xente informada, crítica e nada doada de convencer cos típicos argumentos políticos. É posíbel, si, mais moi pobre, humanamente moi pobre, porque a oarcentaxe de humanismo que nos habite depende moito da cantidade e calidade das lecturas que fagamos. E; hoxe por hoxe, nin sequera no ensino a lectura está regrada. Resulta perfectamente posíbel evolucionar no ssistema de ensino sen que haxa a obriga de ler máis libros que o de texto. Así de duro.

recuperando literatura: OS FÍOS (Xurxo Sierra Veloso, Galaxia)

$
0
0

A BREVIDADE E OS CAMIÑOS DESVIADOS QUE LEVAN Á MORTE
Título: Os fíos
Autor: Xurxo Sierra Veloso
Editorial: Galaxia
Esta novela de Xurxo Sierra Veloso foi merecedora do Premio Repsol 2010.
O de Repsol é un premio de Narrativa Breve.
Pódese entender unha novela como narrativa breve?A noso entender, moi dificilmente.
Como se chega a esta situación, que non é de agora senón problemática repetida ano tras ano?
Primeiramente, as bases convocantes deben ser máis claras  e medir a cantidade uniformemente. Tentan selo, unhas máis ca outras, porén é moi elevado o número de ocasións conflitivas. O habitual é que midan por caracteres e páxinas. Poderían probar a facelo por palabras.
E, despois, os xurados deben ser rigorosos.
Porque de seguir así, a Narrativa Breve corre risco evidentre de caer en descrédito. O cal é moito dicir. Os tempos que vivimos tensionan a cantidade/distancia de tal xeito que o futuro pasa máis polo vagar e a brevidade que por outro lado. E non só, pois o lector, o comprador, tamén ten algo que dicir.
Falemos agora da novela de Xurxo Sierra Veloso. Unha novela que lembra exitosa Os nomes do traidor . Naquela ocasión presentábase como tres crimes, ocorridos en lugares moi afastados e sen ningunha conexión aparente entre si, obedecían a unha intención central. A actual novela constitúe unha revisión e daquela exitosa estratexia narrativa, revisión e afondamento que achega unha solución non centrífuga senón excéntrica e periférica á vez que mantén o esquema dos tres asasinatos. Eis, logo, que tamén se pode presentar como a sucesión de tres historias ( mida o lector a marxe de dependencia entre elas, para nós resulta indubidábel) con remate homologábel.
Na lectura tradicional, a nosa, xa que o lector dispón a orde en que efectuala, todo comeza cando un home de clase media, logo dunha estadía nunha casa rural, resulta ser requerido como pai dun bebé dunha moza coa que asegura non ter copulado. Importante é salientrar que nesta estratexia narrativa, un capítulo non conta o lóxico desenlace do proposto no anterior, senón algunha desviación, a información cósese de forma tanxencial, non central. O cal fai moi atraente a lectura ao elevar considerabelmente o grao da intriga, e mantén o libro entre as mans dun lector ante a imposibilidade de previsión para os feitos que se narran. Tal estratexia narrativa mantense tamén a nivel estrutural no que corresponde ao cosido entre as tres historias, entre as tres partes da novela (tamén se podería falar de capítulos, simplemente: esa é a donominación presntada na novela). E supón un reto narrativo resolto de xeito moi loábel, malia que a terceira historia non posúa o mesmo grao de interdependencia coas outras dúas que as primeiras…non se pode negar que esta forma alterntiva de narrar ( non desde os feitos centrais senón desede a periferia) ten o seu engado, constitúe un reto pola dificultade obvia, e está máis que satisfactoriamente resolta.
Deste xeito establése un xogo de implicacións no cal o narrador vai ensinando o camiño da costura, vai cosendo o relato non coa seguinte puntada senón con outra posterior ( e adxaente, non central), que suxire unha importante dose de colaboración por parte do lector. Mais isto é así só relativamente, pois no xogo de agachar/amosar, e mais segundo avanza a lectura, tal colaboración fica reducida sorpresa, unha vez que fica establecida conexión tanxencial entre os feitos. Sorpesa e pode que tamén decepción se se interpreta tal estratexia narrativa como unha unha fuxida cara adiante, que algo ten disto non é dubidábel, mais o segredo da arte narrativa, neste caso, está en saber integrar as partes nun proxecto común excéntrico, reto nada doado, por certo.
Fora isto, o narrar de Xurxo Sierra Veloso admite perfectamente o cualificativo de clásico, sendo moi atento ao detalle particularista e analítico, logrando un ton amábel que integra a sorpesa coa traxedia no duro oficio de vivir, pois malia toda a traxedia que nos rodea temos que seguir poñendo un pé diante e outro detrás, sen cesar, xa que para nós, que non somos narradores de novela, a dimensión dos acontecementos resulta inapreixábel, incontrolábel e impredicíbel, e aínda para el.
Como humanos que somos, facemos. Facemos e padecemos. Monicreques sen titiriteiro, xa excluído Deus da causalidade e responsabilidade, fica a crónica interrupta dun mosaico de fíos confusos representando a madeixa de vontades e a súa sorprendida submisión ao imprevisíbel.
ASDO.: Xosé M. Eyré

crítica de SEXO E MONSTRUOSIDADE. UNHA XENEALOXÍA DA POLICÍA SEXUAL

$
0
0

ENSAIO SOBRE O SEXO E AS DESVIACIÓNS
Título: Sexo e monstruosidade. Unha xenealoxía da polícía sexual
Autor: Antón Fernámdez de Rota
Editorial: Axóuxere
Nacer cunha determinada identidade sexual, asignando esta segundo o sexo biolóxico do nenonato, é algo que non podemos escoller, igual que tampouco podemos elixir ser altos, delgados, de ollos azuis, ou gordos e morenos. Mais non sempre a identidade sexual xenital se corresponde coa identidade sexual mental e/ou cultural. Xorden entón conflitos que non fican confinados na intimidade individual senón que teñen trascendencia social. Durante séculos, as mulleres barbudas aparecían nos circos a carón de animais con dúas cabezas e outros prodixios ou marabillas da natureza, constituía un espectáculo contemplar até que punto a natureza pode producir aberracións. Aberracións, desviacións do que se considera mormal ou lícito.
Desviacións, normal, lícito.
O normal sempre foi un mundo dividido en dous sexos, masculino e feminino, en dous xéneros. E toda confusión sexual sempre produciu nos humanos angustia e desazón, xa non só en quen sofre esa confusión senón tamén no resto da sociedade. De aí esa policía sexual de que fala o ator do ensaio de que nos ocupamos hoxe. Unha policía sexual que ten emitido figuras legais a cerca e como vestir correctamente a fin de que non sexan posíbeis as confusións, mais que tamén funciona a base de interdiccións sociais, prexuízos, fobias… Que se puxeron ben de manifesto cando o movemento sans-culotte achegou un isomorfismo aparencial perverso e confuso. Máis que o movmento sans-culotte foi a conquista do pantalón polas mulleres, materializada nos anos 60 do pasado século e hoxe en día sendo prenda habitual feminina. E nada pasou aínda que as mulleres transgresoras que se atreveron a desafiar as convencións establecidas foron estigmatizadas socialmente e mesmo axustizadas como monstruos políticos ou morais, velaí o caso de Olympe de Gouges, María Antonieta ou Claude Lacombe.
Tras un primeiro capítulo dedicado á revolución e os pantalóns vén outro onde o centro son o feminismo e o travestismo. O travestismo é inquietante inclusive para o feminismo, porque supón que os ollos non ofrecen información cabal do sexo que temos diante, do sexo que é noso veciño de camiñada, de quen está ao noso carón. E a virilización da muller será obxecto de constante debate, moito maís que a feminización do home, proceso que se está a dar nestes momentos sen que supoña por iso conflito sexual senón aproximación masculina á imaxe da muller, desde o xeito de levar o cabelo ao uso de enfeites. Por iso as mulleres á garçonne e as flappers supuxeron novidade e inquedanza inclusive para o feminismo. O feminismo liberal que ve nelas algo pornográfico, e o feminismo marxista que as considera desviación burguesa. Paradigmáticos serán casos como o da atleta Violette Morris, que viste como un home e chega a cortar os peitos para caber mellor nos coches de carreira. Pero en todo caso a identidade feminina on deixa de ser vista como escravitude.
No primeiro capítulo dedicado á policía do sexo volve aparecer o travestismo ( fins do XVIII) como auténtica obsesión e nin a revolución copernicana ( descentramento do mundo) deixará as cousas máis claras, senón todo o contrario. Ese medo aos disfraces, a non poder estar seguro do que se ten diante, vén xa tamén das guerras de relixión e a fidelidade conversa ou non ao novo credo abrazado. A asutenticidade, xa non a sinceridade, vólvese principio e fin. É o poder do disfraz que levaría á revolución dos chambergos ou o ao movmento luddita. Para máis, aparece un novo elemento com oidentificador individual e non ten nada que ver co sexo: a pegada dixital.
Mais se o tavestismo provoca unha fonda preocupación, isto non será nada comparado co hermafrodistismo, como se verá nos seguintes capítulos. O hermafrodita é un monstruo que vulnera as leis da natureza, unha anomalía no reino animal, unha anormalidade que supera inclusive tamén a dos xemelgos siameses. Visto desde a óptica da policía científica, porque visto desde o prisma humano de quen coñeza algún caso de hermafroditismo, debería ser cualificado como drama ou inlusive traxedia, pois así é como o viven os pais, porén a policía do sexo xulga aparencias, non sentimentos, persegue o que se enfronta á natura, á razón. Á razón, por iso é ditame médico autorizado quen decide a asignación de sexo,e supón unha reoprogramación sexual.
No terceiro capítulo dedicado á policía do sexo realízase un seguimento da defincicón de sexo, desde Foucault a Fausto-Sterling ( onde o sexo perde connotacións protésicas e tecnopolíticas, pasando por Baudrillard, para quen non fenómeno drag queen todo é maquillaxe e seducción. E falta aínda por aparecer outro fenómeno, o do lesbianismo, enfrontándose á normalidade normativa. Sobre todo porque para as teóricas do lesbianosmo, a lesbiana non é muller, ficando nulado o sexo igual que o proletariado anula as clases sociais.
Velaquí un libro, un ensaio para reflexionarmos non só a redor da nosa intimidade máis íntima, senón sobre aparencia ao longo do tempo, o seu valor e normatividade, os seus desafíos e “monstruosidades”

ASDO.: Xosé M. Eyré Val

NA MEMORIA DE manuel rodríguez alonso COLEGA CRÍTICO QUE NOS DEIXOU PARA SEMPRE. SEGUIRÉMONOS LENDO, HAI COUSAS QUE A MORTE NON É QUEN DE TALLAR.

Decálogo para unha poesía que se cadra non existe

$
0
0

• A poesía orientada a un público xuvenil carece de pasado,
polo que só existe en futuro. Permite a aventura, porque as
súas fronteiras aínda non están delimitadas por ningún sa-
cerdote da tribo.
• Aínda que minoritario, existe un público para a poesía; aín-
da que invisible, existe un público para a poesía xuvenil; aín-
da que ameazado, existe un público para a poesía xuvenil en
galego. Non son frases baleiras, senón certezas empíricas.
• Todo poema destinado a un público xuvenil, polo feito de
selo, está condenado a loitar a morte contra esa conxunción
concesiva que condiciona, a priori, as valoracións lectoras da
mocidade: “Este libro, a pesar de ser de poesía, resultou … ”
• A. revolución da poesía xuvenil consiste en fender estereoti-
pos, mais non desde unha trincheira ideolóxica, senón desde
a dinamita das emocións.
• Un poema xuvenil ten o mesmo dereito a citar a justin Bie-
ber que un poema para adultos a Charlie Parker. E Celso
Emilio Ferreiro pode cantar un verso a carón de Beyoncé.
Porque a poesía é libre, ou non é nada.
• Tres principios básicos para escribir un poema xuvenil: rigor
lingüístico, ambición estética e debate ético. En definitiva,
ansia de facer versos que non resulten estatuas de sal na vitri-
na dun museo arqueolóxico.
• Practicar a poesía xuvenil é un deporte de alto risco: fala para
lectoras e lectores mutantes, en proceso de cambio, distin-
t@s e distantes. .
• A poesía para adolescentes debe ser xulgada do mesmo xeito
cá de adultos: como boa ou mala literatura, é dicir, como
algo que enche ou como algo que sobra.
• A poesía xuvenil é aquela que permite ler tamén toda aquela
que xa non é xuvenil.
• Se a poesía xuvenil aínda non existe … que ou quen nos im-
pide inventala?

 

Carlos Negro, “Ler poesía tampouco é para tanto”, in Poesía hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, Apiario, 2015.


crítica de POESÍA HEXÁGONO

$
0
0

POESÍA NA AULA? SI
Título: Poesía hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas.
Autor: VV.AA.
Editorial: Apiario Editora
Unha das meirandes aberracións do actual sistema de ensino dáse ne canto chegamos á materia de Literatura (galega, castelá, que máis ten?) porque o que realmente atopan alumno e docente é unha sucesión temporal de nomes, estilos e obras. É dicir. Historia da Literatura en lugar de Literatura. Unha fraude con todas as da lei. Por iso, cando algún docente introduce o que realmente é Literatuta, o que realmente é literario, teno que facer dese as marxes, desde as periferias do tronco común que é a historia literaria. Afortunadamente sempre son posíbeis eses extarvíos que nos levan á verdadeira Literatura, porque sempre hai textos apartir dos cales proxectalos. Outra cousa é que o docente sexa quen, que fora preparado para aventuras desas é algo inimaxinábel fóra da propia vontade de perfeccionamento. E que sexa lector experiente, condición ineludíbel, algo ben pouco frecuente.
Nestas, debemos saudar a aparición de libros como este como un manancial no deserto. Libros que reflexionan sobre a poesía e propoñen camiños de achegamento ao feito poético, desde ópticas ben variadas e tendo como nexo común a pertenza dos autores á poesía máis nova que ente nós se fai, de xeito que a desmitifican mentres nola achegan a través das diversas experiencias e propostas. Que xa é moito. Moitísimo, nun país onde os alumnos len máis que o profesorado. E aínda por riba facéndoo desde a poesía, o xénero máis complexo e difícil, aínda que tamén o que meirandes satisfaccións ofrece, como testemuñan Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Celso Fernández Sanmartín, Carlos Negro, Antía Otero
e Dores Tembrás, as autoras e autores que prologa Agustín Fernández Paz.
Yolanda Castaño fixa as coordenadas en que debe trascorrer a sesión (descontraída, continuada, transversal, desolemnizada) para ser positiva, e recoñece que o ditado numérico fai da poesía un xénero minoritario,mais ese carácter minoritario non é máis que un reflexo dos valores en que se educa e impulsa a sociedade na que vivimos. Por iso propón seducir a través da fascinación, visto que só se aprende verdadeiramente aquilo que se ama, partido para iso do propio valor da palabra e de figuras tan simples e de tanto rendemento como a sinestesia. Pola súa banda Estíbaliz Espinosa descré da polarización ciencias-letras e procura o achegamento do alumno desde a curiosidade e avidez, propoñendo varios experimentos que nos conducen pola astronomía e rematan coa interpolación de fragmentos non poéticos para así saleintar o feito poético. Fïxase nos microrrelatos ( non distingue entre microrrelato e microconto) de Ana María Shúa e propón dous experimentos a partir da fórmula “lémbrome de” á vez que deixa exemplos ( Joe Brainard, George Perec); e tamén merecen a súa atención os haiku, propoñendo un experimento onde teñen función relevante os números. Despiois ocúpase da física do relato propoñendo experimento a partir da fórmula “E se…”, antes de adentrarse na literatura dixital tan propia dos nosos días, fixándose especialmente en Christine Wilks
Pola súa banda Selso Fernández Sanmartínconcede moito valor á connotación e á intuición, deixánsonos o nome de Paulo Nazareth  e adoptando unha postura que achega oralidade e literatura popular á poesía, á vez que se pregunta se serve de algo a poesía (porpón esta: “a poesía é a curiosa deriva do camiñante no encontro con gorilas mansos, aparentemente”, sendo que como mínimo devén en rebeliçon contra a caducidade e supçon unha maneira de ver o mundp como fonte de coñecemento e experiencia, Ana Mandieta. Anna Ajnátova, William Carlos Williams e Marcial son nomes que saen a encontro do seu discurso.
Para Carlos Negro a poesía humaniza, mais non toda a poesía ten porque enchernos. Temos o dereito a que non nos guste. E non é a dolescencia unha época especialmente desafortunada para que a poesía non guste, mais ben ao revés, contra o que pensa boa parte do profesorado, un profesorado que nunca ou case nunca merca un libro de versos. Párase nos tópicos que Fran Alonso (Poetízate) distinguía ( xéerno romántico e esentimental; complexo e para minorías; retórica, solemne, aburrida; poeta como ser excéntrico arredaddo do mundo) antes de queixarse da necrofilia que goberna a literaura galega, cando a literatura ten que ser algo vivo, reclama a lectura expresiva e remata cun decálogo
A de Antía Otero é unha poesía moi vinculada á imaxe, liberdade, son e palabra. A videoòesía xoga no límite das cousas e derívase sen complexo até chegar á potencialidade do verso como unidade última indivisíbel. Define a videopoesía como un xénero audiovisual que busca unha relación especial coa linguaxe verbal até poetizalo. Defende a correspondencia netre arte e vida e ofrece unha mínima historia da videopoesía. Como tamén fará Dores Tembrás co grafitti. Deixando ben claro que cómpre eliminar prexuízos sobre o que é posía ou non. Propón un método de traballo que ela denomina de “constelacións” e convida a substituír “que quere dicir?” e “que significa” – que tanto parecen preocupar os alumnos- por “gustache?”, “emociónate?”. Dá un paseo polos inevitábeies caligramas e remata adfirmamndo o feito poético como algo inherente á condición humana.
Velaqueí un libro imprecindíbel para todo aquel que nas aulas pretenda loitar contra os convencionalismos da literatura como historiografía, que pretenda achegarse ao feito literario en si. Porque propón camiños para achegarse, perder o medo. E non, non son estes todos os métodos ou camiños, hai máis, moitos, mais si son reveladoramente útiles.
ASDO.: Xosé M. Eyré

crítica de DOCE LÚAS

$
0
0

REFLEXIÓNS EN PROSA POÉTICA E FOTOGRAFÍA
Tïtulo: Doce lúas
Autores: Héctor Pose & Alberto Rodríguez Fariña
Editorial: Axóuxere
Libros como este, que maridan texto e fotografía, non son frecuentes aínda que tampouco deixan de aparecer hoxe ou mañá, lembremos por exemplo as Remitencias de Xosé Lois García. Mais neste caso non se trata de poesía e fotografía, senón de textos e fotografía en branco e negro. Héctor Pose é o responsábel do texto e de Alberto Rodríguez son as fotografías que salfiren o libro. Un libro organizado en doce lúas, como doce capítulos, mais carente de índice, que nunha publicación como esta non debe faltar pois axuda moito a siturae o lector na lectura, toda vez que se trata de textos breves suxeitos á inexorábel lei do esquezo inmediato, esa lei froito da brevidade e que neste caso se ve reforzada porque a zona de reflexión, a zona que vai dun texto ao comezo do outro, non é moi grande, máis ben cativa.
Interrompe a miña marcha o que me circunda, como a afastada proximidade dunha fiestra sen intimidade. (12)
En canto aos textos, que xa dixemos son breves, non presentan ningunha característica que os singularice fronte a outros texto breves. Ou polo menos non dun xeito incontestábel. Quizá a definición como prosa poética sexa a máis xusta. Máis claramente poética nun e menos noutros, porén a tendencia poética parece innegábel. Aínda que tamén é certo que ás veces se achegan ao microrrelato. Outras, menos, ao microconto, moi frecuentemente ao microensaio que pode representar o adaxio.
Anulada a miña vontade, son soidade. Todo é sombra os días consumidos ( 34)
Trátase de textos moi descritivos, entendendo tanto descrición externa como interna, de dentro do individuo, sendo que as dúas poden casar moi ben, apoiarse unha na outra. Adoptando á veces a forma de preguntas e cunha clara presencia do mar, da vida nunha vila mariñeira (ambos autores son de Malpica de Bergantiños). Malia a economía de recursos ben se poden adxectivar como plásticos, estes textos que, sen seren nunca pé de foto, si se pode dicir que maridan moi ben coas texturas que expoñen as fotos en brabco e negro.
Borges, Sampedro, Rivas, Flaubert, Echenoz, Neuman, Chateubriand, Olga Novo, Francisco Coloane (Coleane, no texto) aparecen citados algunha vez e ben se poden chamar como referentes desta escrita intersticial, interxenérica ou extraxenérica, na punta de lanza da innovación escritural. De xeito que se conforma un volume único tanto pola calidade dos textos como polo das fotografías, que si funcionan como auténticas zonas de reflexión. Habitualmente esatas zonas de reflexión son espazos en branco que desmecanizan a lectura entre texto e texto, mais como xa vimos, aquí son tan breves que ese papel téñeno que asumir as fotografías e cumpren moi dignamente co seu cometido, neste libro híbrido, neste caderno de campo dun observador da vida con teima reflexiva.
Outro negocio pecha. A mingua poboacional, a falla de reciclaxe, así como inclemencias económicas abocan ata a forca aos que resisten. A sucesión de baixos, unha ringleira de nichos ocupados (61)
Estes peculiares textos,a medio camiño entre o xenérico e o non xenérico, si adoitan conter algo de carga poética, por iso nos decidimos a clasificalos como prosa poética mínima, sempre con todas as reservas que este tipo de textos provocan. E reflexiva, sempre reflexiva.
A virulencia da desfeita socioeconómica e a globalización esquilman o padrón e as rúas, nomeadamente de xente nova. A primeira quita azos e libido, embala. A segunda, coa internet, expurga os espazos comunitarios (66)

ASDO.: Xosé M. Eyré

crítica de MUROS DE AIRE

$
0
0

CO SUICIDIO ARREDOR
Título: Muros de aire
Autora: An Alfaya
Editorial: Xerais
Un muro de aire é unha ferramenta cibernética que se emprega para que ninguén poida acceder ao noso computador. Nada que ver co que nos propón An Alfaya, os seus muros de aire érguense cando as personaxes chegan a algunha situación vital de difícil resolución.

De súpeto, ese abismo diante súa.
Por certo, pasaría algunha vez polas mentes de An Alfaya, que retamatada a súa lectura, o lector se topa tamén cun muro de aire?
In media re, copiando aos autores, quizá sexa esta a mellor maneira de comezar unha crónica crítica que non vai ser nada doada. Non é que An Alfaya quixera poñérnolo complicado aos críticos. Non. Nin moito menos. É que un non pode ser inmune ao que le, e Muros de aire está tan preñado de dolor e á vez resulta unha novela tan contundente, que o desgarro e a compracencia loitan por se instalar no xuízo crítico a fin de guialo.
A avoa Remedios, nai de Amalia e avoa de Cora, socióloga que co seu socio están a desenvolver un traballo sobre o suicidio, é o centro da historia. A castradora avoa Remedios, capaz do inimaxinábel por promocionar na escada social e asemellarse ás familias ricas polas que tanto devece. Ese propósito, que non acadará, dirixe toda a súa vida. A súa vida e a da súa filla. A súa vida e tamén a da súa neta, Cora, que, no remate da novela descubrira, como nas traxedias gregas, descubrirá como ela mesma ten unha orixe ben diferente á sabida, unha orixe da cal é culpábel directa a avoa Remedios. A avoa Remedios é unha orixe de dor permanente sobre todo para aqueles que máis familiaridade teñen con ela.. Muller ruín, cruel até o non máis poder.
Porén a novela ábrese ao lector como un cartafol de suicidios frustrados que son o obxectivo de estudo de Cora, no momento en que Mauro, o fillo de dona Elisa Luaces, a familia ben que Remedios tanto admira, aparece suicidado. Mauro é a outra personaxe coa que acompañar a maldade de Remedios. Non é menos ruín, non é menos retorto, impórtalle moi pouco facer sufrir á nai exactamente igual que a Remedios lle importa ben pouco o sufrimento da súa filla, un simple instrumento de promoción social.
A vida gris de Cora é unha beizón divina comparada coa dos suicidas frustrados que entrevista e van aparecendo, un a un, no comezo de cada capítulo, sen que a socióloga dea establecido un mínimo de distancia estabilizadora, de xeito que as vidas dos entrevistados rematan por interferir nagativamente na da entrevistadora.
Balada para Durkheim (Durkheim, Émile; é un dos pais da socioloxía, e escribiu sobre o suicidio) e o Manual do perfecto suicida son dous títulos que percorren as páxinas do texto. Un manuscrito sobreo tema caba caendo nas mans de Mauro, producíndolle un forte impacto, que se vai esvaendo a medida que se decata de que os autores non foron quen de levar á practica as aús brillantes teorías. Mais xa será tarde.
E tal e como o cartafol de suicidios se ía abrindo, no remate abondará o derradeiro caso para que que todas as pezas encaixen de maneira insospeitada, sorpresiva e explicadora. O que lle confire a o texto un ar de completude, de redondez, que acompaña o lector mentres pecha o libro. Un libro no que resultou mergullado malia a escasa compracencia da autora, que presenta casos de vidas rotas, tan rotas que ven como única solución o suicidio, a mesma vida de Cora atravesa zonas grises.
O que resulta unha mágoa é que a novela non contara cunha derradeira revisión que evitara palabras que sobran (ningún un contratempo,209), outras que non son as axeitadas ( exclamou con alegre,91) ou a inestabilidade do pronome persoal átono (parecerle, 116…)
A novela comeza unha nota mediante a cal a autora pretende guiar alectura, alonxándoa do suicidio como tema central. En parte conséguese, mais non é unha boa noticia, non debería ser necesaria se o texto estiver dotado dunha orientación temática clara.
Malia todo é desas novelas que custa esquecer.

ASDO.: Xosé M. Eyré

crítica de MORENA, PERIGOSA E ROMÁNICA

$
0
0

NARRATIVA DIVERTIDA
Título: Morena, perigosa e románica
Autor: Pedro Feijó
Editorial: Xerais
Permitan que lles introduza un argumento: cando un escoita ou le a palabra “comedia” apatrece atribuída ao teatro ou mesmo ao cinema, mais nunca á novela e non ha ser porque esta de Pedro Feijoó sexa a primeira novela divertida coa pretensión diso, de ser unha novela fundamentalmente divertida. Estou pensando en Ébora ( Xosé C. Caneiro) ou O espírito de Broustenac  de Afonso Álvarez Cáccamo pero o certo é que ben podían ser outros títulos os que se acobillasen baixo o epígrafe “narrativa divertida”. De feito, esta Morena perigosa e románica lese como se en realidade se estivera lendo un filme ou produto narrativo audivisual. O propio autor o deixa ben claro cando, xa contra o final da novela fala do perigo de estaren en “horario infantil” (395). Ou inclusive se le como se fora teatro, e non só porque se trata dunha novela moi dialogada senón porque o mesmo autor fala de “3º acto” en lugar de terceito libro ou terceiro capítulo.

Porque a novela, o deseño editorial da novela é en tres libros dividindo cada libro en cantos (e non capítulos) nunha clara referencia á Divina comedia de Dante Alighieiri.A Divina comedia e non a outro título porque a personaxe central se chama precisamente así Dante (Odeón) e o seu compañeiro (un gato) Virxilio, asemade de a novela se estruturar en inferno, purgatorio e paraíso (cada un dos tre libros), de contar tamén cunha Beatriz e de subtitularse, por se for pouco, “unha comedia dantesca”.
Porén, o que vostedes queren saber canto antes, amábeis lectores, e se a novela é divertida. Dicilo, que é divertida, non pasa dun xuízo de valor e polo tanto non é este un argumento crítico ningún. Mais si, polo que a nós respecta, lemos a novela sempre cun sorriso na boca ( e na mente, o poder do subtítulo, a súa forza á hora de dirixir a lectura, é así de grande). E polo medio, que non é precisamente unha noveliña breve, non decepciona senón que fai gala do que anuncia.

Sempre hai algún xogo de palabras, algunha ironía, ou o argumento leva a algunha situación propia de “sit. com.”, sempre hai algún motivo para o sorriso e nalgún caso chégase á gargallada. Cando menos iso foi o que nos aconteceu a nós na nosa lectura.
A historia que conta a novela é a dun grupo de estrafalarias personaxes , con Dante Odeón á fronte, axente artístico que unha veciña confunde con axente secreto porque no cartón da caixa de correo non se deixaba ler ao completo, que se porá en contacto coa Banda Perigo na procura de Miqui Chismes. Cando o atopa, a Banda Perigo está a piques de cometer un acto delictuoso que Dante procura sacarlles da cabeza argumentando outros que son igual ou máis subrealistas ou disparatados. E deica aquí podo ler/escribir. Despois, a Banda Perigo, desprazada a Barcelona, con Dante á fronte e implementada por Quino, ao cal lle debe cartos; a súa muller; Andresito, chinés pero nacido en Cataluña; e Piti Acción, xa digo que con Dante á fronte como medida precautoria, atoparanse mergullados nun secuestro/roubo tan disparatdo como os antes desbotados. E permitan que non lles conte máis, non lles quero derramar a lectura.
Agradécese que a novela teña certa conexión coa realidade politíco-social que o lector está a vivir, porque a a actualiza, e proporciona algún dos mellores momentos, sempre a noso xuízo, certa conexión que vai máis alá do roubo do Códice Calixtino, referente sen o cal é ben complexo que sexa a lida a novela. E que esa conexión sexa algo máis que casual, fortuíta ou buscada con efecto cómico, porque a relación entre comedia e vida aparece máis dunha vez analizada.

Pero o que máis vai agradecer o lector e que non se recorra ao chiste verbal doado, e isto está moi coidado na novela, senón que todo sexa froito lóxico dunha accción disparatada pero lóxica en si mesma, coa que o narrador se permite xogar en flash back, sobre todo no remate, para que este non sexa unha merda ( literalmente) e si o meritorio densenlace da aventura emprendida por unha serie de seres que antes camiñaban ben preto da exclusión social, seres marxinais que se achan no derradeiro chanzo social.

Como se di na novela (410): na comedia que é a nosa vida o importante non é o moito que dure, senón o ben que sexa representada. ( Seneca)

Xosé M. Eyré

crítica de CUESTIÓNS VITAIS SECRETAS

$
0
0

O HOME INTERROGANTE
Título: Cuestións vitais secretas
Autor:Iván García Campos
Editorial: Galaxia
O libro que esta vez escollemos para a nosa crítica semanal é autoría de Iván García Campos, premio Modesto R. Figueiredo ( Pedrón de Ouro) 2008 coa obra Unha casa chea de xanelas, e posterior Premio Blanco Amor 2010 coa novela O imposible de desatar. Cuestións vitais secretas é un libro de relatos, relatos, 10. 10 biopsias de percorrido variábel, pois hai unha de distancia moi breve, hiperbreve, un microconto, “Foreman” que nos devolve a ilusión de que as ás sempre deixan unha abertura para a imaxinaxión ( 79).
Dúas palabras a tematizar desta nosa última oración: “devolve”, porque estes son relatos de ida e volta, de ida cando nolos contan, de volta porque debemos saber interrogarnos a cerca do que lemos e do que é previsíbel que aconteza ou non, coma na narrativa hiperbreve, o relato nunca remata coa última palabra lida senón que aí comeza o remate que se producirá na mente do lector, o que supón unha técnica híbrida ao aplicar un aspecto definitorio da teoría da narrativa hiperbreve á narrativa convencional; e “imaxinación”, por razóns obvias a canto acabamos de dicir, xa o mesmo autor encamiña esa imaxinación resolutiva, case imperceptibelmente, sen que nos decatemos, mais é absolutamente fundamental a capacidade imaxinativa lectora para lograr o efecto que o autor persegue.

Lembremos: Cuestións vitais secretas; é dicir esas 10 biopsias ofrecen algún tipo de pista, algún tipo de indicación, moi leve a cerca do que lemos e do que previsibelmente pode ou non suceder. Son cuestións secretas, problemas que enfrontamos caladamente, ou mellor dito, problemas que caladamente non enfrontamos mais padecemos.
A vida dun traballador dunha cade de montaxe de lavadoras, abre o volume. A vida pode parecerse moito a un automatismo semellante, precisamente aquilo que o autor quere combater. A vida dun traballador dun matadoroiro á procura da felicidade. Alguén cre aínda nela? É posíbel? A cea de Martín coa súa filla que non usa roupa interior. Dúas irmás a discutir, unha con dous fillos, uns sobres con cartos e a certidume de que mesmo os asasinos teñen alguen que os queira, que os ame e agarde por eles. Co comentado “Foreman” desvelamos xa a metade do contido, a metade das biopsias vitais que Iván García Campos nos dispón.
Un home que ten uns vultos na man, e mais unha ocasión para enfrontarse a Deus. A importancia da orde e a pulcritude, asepsia lóxica no espazo e no tempo. Para sorprender despois co relato dunha triunfadora. Non adoitan lerse relatos de xente triunfadora, pois velaquí temos un. Que non é único, porque a seguir vén outro onde hai trinfadora por partida dupla, mais cun fillo absolutamente ingobernábel. Mais todo ese optimismo acumulado vaise ao limbo rapidamente en canto sabemos que o derradeiro relato conta a historia dun enterro mentres tematiza como un vai construíndo todo un mundo de lembranzas…e tamén como ese mundo de lembranzas nos vai constríndo a nós.
Tecnicamente, alén da hibridez conceptual, é de salientar a preferencia polo estilo indirecto, mesmo ensaiando varias fórmulas na súa consecusión. Así como a selección de puntos de vista pouco usuais ou diferentes do que o lector agardaría, pois, malaia todo, o autor sempre quere sorprender pois o lector necesita ser sorprendido para non pechar o libro. Ou a atención aos pormenores, case se pode dicir a obsesión polo pormenor, que fai moi plásticas as historias que se contan no volume. E incluso se pode mentar certa anonimia selectiva nas personaxes que leva ao que antes comentabamos, a que o lector se estea interrogando continuamente.
ASDO: Xosé M. Eyré

Viewing all 280 articles
Browse latest View live